ECLIPSE CASE TOTAL DE LÚA NA NOITE DO 27 AO 28 DE AGOSTO DE 2026

Eclipse de luna

ECLIPSE CASE TOTAL DE LÚA NA NOITE DO 27 AO 28 DE AGOSTO DE 2026

Na madrugada do vindeiro venres día 28 (noite do xoves ao venres) vai ter lugar o derradeiro fenómeno astronómico relevante deste mes de agosto, logo da eclipse solar do pasado día 12 e das Perseidas na noite seguinte.

Trátase neste caso nunha eclipse parcial de Lúa pero que lle faltará moi pouco para ser total, de feito no máximo da eclipse (6 horas e 13 minutos) un 93% do diámetro do noso satélite natural estará eclipsado pola sombra da Terra.

As eclipses de Lúa prodúcense cando a Terra se coloca exactamente entre o Sol e a Lúa, impedindo que toda ou parte da luz que emite o primeiro lle chegue á segunda. A fase lunar é polo tanto de Lúa chea.

Unindo as tanxentes interiores aos discos solar e terrestre formase o chamado cono de penumbra, que vaise abrindo, en tanto que se facemos o mesmo coas tanxentes exteriores temos o cono de sombra que ao contrario ca outro vaise pechando (ver figuras adxuntas). Se cortamos estes dous conos cun plano perpendicular a liña que une os centros do Sol e do noso planeta, obtense dous círculos polos que vai pasar a Lúa. Así, neste caso, a Lúa comezará a entrar ás 3h 25m no cono de penumbra e ás 4h 34m farao no cono de sombra, comezando neste intre a eclipse parcial. Esta fase durará ata as 7h 51m, tendo lugar a máxima ocultación ás 6h 13m, tal coma xa se comentou. Finalmente, e seguindo unha secuencia simétrica, a Lúa abandonará o cono de penumbra ás 9h 01m, dando por rematada a eclipse.

Fases eclipse de luna

A fase penumbral normalmente pasa case desapercibida dado que a Lúa segue véndose enteira aínda que lle chega menos luz do Sol, en tanto que cando está xa practicamente dentro do cono de sombra, coma vai acontecer na eclipse do venres, a parte eclipsada amosará unha tonalidade vermella de adoita chamarse Lúa de sangue. A responsable de dita coloración e a radiación solar que pasa próxima á Terra e que a nosa atmosfera desvía por refracción cara á Lúa.

Ao contrario que sucede coas eclipses solares, nas de Lúa non é necesario protexer a nosa visión para o súa contemplación.
O último día do ano 2028 terá lugar unha eclipse total de Lúa na Península.

Prof. José Ángel Docobo Durántez
Director Científico de Lalín Starlight